Wednesday 26 de June de 2024

A Coruña acolle esta fin de semana os Xogos Autonómicos de Deportes Minoritarios Special Olympics Galicia


Esta xornada a prol da inclusión contará coa participación de 200 deportistas de 12 entidades de Galicia

O Concello da Coruña colabora na organización dos XXIX Xogos Autonómicos de Deportes Minoritarios para persoas con discapacidade intelectual, que terán lugar este vindeiro 8 de xuño na cidade. Yoya Neira, concelleira da Área de Benestar Social, e Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes, recibiron hoxe a organización do evento Special Olympics Galicia, asociación dedicada á promoción das persoas con discapacidade a través do deporte e do ocio. A xornada desenvólvese en colaboración de FADEMGA Plena Inclusión Galicia e da Asociación ASPRONAGA.

O Goberno de Inés Rey promove entre a súa axenda deportiva as actividades inclusivas e prolonga deste xeito a súa colaboración con Special Olympics, que no 2023 tamén desenvolveron na cidade unha competición autonómica de baloncesto para persoas con discapacidade. No acto estiveron presentes Eladio Fernández, presidente de Special Olympics Galicia, Nicanor Álvarez, presidente de ASPRONAGA, e Laura Martínez e José Manuel Queiruga, deportistas de ASPRONAGA.
A xornada inclusiva será no Polideportivo Municipal do Barrio das Flores, onde ao longo de todo o día se darán cita máis de 200 participantes. Serán un total de 164 deportistas con discapacidade intelectual os que asistirán procedentes de 12 entidades sociais de toda Galicia, que estarán acompañados por 39 adestradores, e que ao mesmo tempo contarán co apoio de 31 persoas voluntarias e 10 membros da organización.

Entre voluntarios, adestradores, deportistas e organización, ademais de persoal dos servizos de emerxencia, contarase coa participación de 246 persoas que “volverán dar exemplo de inclusión e deporte limpo nunha mesma xornada”, tal e como apuntaron os responsables daorganización. En total son 12 as asociacións participantes, das que 5 proveñen da provincia de Lugo, 4 da Coruña, 2 de Ourense e 1 de Pontevedra.

A asociación anfitrioa, ASPRONAGA, participa cun total de 6 atletas e 2 adestradores. O acto dará comezo ás 10.45 co desfile dos deportistas. Posteriormente un atleta da Asociación ASPRONAGA lerá o lema dos deportistas de Special Olympics “Quero gañar, mais se non o acado, deixádeme ser valente no intento”, e unha vez finalizado o desfile procederase á inauguración oficial dos Xogos.
Estes incluirán tenis de mesa, probas motrices adaptadas e xogo da chave, que se desenvolverán de 12.00 a 14.00 horas en xornada de mañá, e de 16.00 a 19.00 horas en xornada de tarde, cando está previsto que teña lugar o acto de clausura.